Tuppersex Feminista: Obradoiro de Sexualidade

Moitas de vós vos preguntaredes, que é un tuppersex feminista?

Durante os anos 80 e 90, e incluso na actualidade, moitas das vosas e as nosas nais reuníanse na casa e, mentras se tomaban un café e unha bola; unha comercial lles mostraba e lles vendía unha serie de produtos para o fogar, de estética ou relacionados coa hixiene familiar…Imaxinade o cambio!

Antes a motivación era a venda de produtos baseados no rol tradicional da muller como ama de casa, nun modelo androcéntrico e patriarcal; agora a finalidade é a busca e a prioridade do noso pracer, o autocoñecemento e o descubrimento e a mellora da nosa vida sexual, dunha forma educativa e lúdica e sempre, a través dunha aprendizaxe compartida e significativa.

Esta é a filosofia que orientou o Tuppersex realizado o pasado 15 de marzo, no Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia e organizado polo grupo de traballo en Igualdade Fiadeiras, dirixido pola Educadora social, Natalia Domínguez Galán, asesora tuppersex de Los Placeres de Lola.

Unha actividade feminista, coa que pretendemos sentirnos a gusto falando da nosa sexualidade; facéndoa visible, a través do autocoñecemento, da expresión dos nosos sentimentos e da nosa afectividade, cunha máxima meta, o PRACER, con maiúsculas.

A convocatoria foi un éxito, participamos un total de 28 mulleres, a maioría de nos, educadoras sociais, ainda que tamén mulleres con outros perfís profesionais.

Entre as cuestións que despertaron maior interese como educadoras sociais, destacamos a necesidade de romper co modelo de educación sexual androcéntrico, que nos transmiten, que nos venden e co que nos presionan desde os diferentes axentes de socialización como a familia, a escola, os grupos de iguais, os medios de comunicación, a igrexa…, un modelo cheo de prexuizos, tabues, control, vergoñas, medos, sufrimentos e mitos sobre o amor romántico; que nalgúns casos se traduce en experiencias negativas e frustracións noutros; un modelo que provoca estragos na igualdade, na felicidade e na estabilidade emocional das mulleres…
Romper con este modelo de educación, a prol dun novo modelo de educación afectiva-emocional e sexual, feminista, co que poidamos disfrutar con confianza da nosa vida sexual, na súa totalidade, no que se priorice o pracer e se lle de unha maior importancia a desexenitalización e a descoitalización nas diferentes formas de vivir as nosas sexualidades.

Un modelo a través do que tomamos conciencia de que somos seres sexuadas, e de que temos que poñer todos os nosos sentidos en funcionamento para sacarlles o máximo partido, utilizando todo o noso corpo como un gran mecanismo de comunicación coa finalidade do pracer, do benestar, da complicidade e da armonía, con nós mesmas e/ou con outra/s persoas.


Para seguir profundizando aconsellámoste a lectura de “Los Placeres de Lola” de Raquel Traba e Beatriz Higón, publicado no ano 2008 en edicións Aguiar.

Agora e Sempre … a DISFRUTAR!!!!