Feministas nas Ondas Libres: Meigas Radiactivas. CUAC FM


O pasado xoves, 31 de maio, púxose en marcha unha nova iniciativa promovida por mulleres, trátase do primeiro programa de radio feminista da emisora CUAC FM, 103.4 ou http://cuacfm.org/, que leva por título MEIGAS RADIOACTIVAS,

Neste primeiro programa, considerouse necesario realizar un Monográfico sobre os FEMINISMOS, para poder romper coas falsas crenzas, tabús, mitos e estereotipos que xorden cada vez que falamos sobre esta temática. Entre todas as compañeiras do programa Meigas radioactivas fíxose un repaso da historia dos movementos feministas e falouse claramente do que é e do que non é o feminismo…Ademais de reivindicar o papel das meigas na loita feminista e facerlles tamén unha homenaxe.

Unha das seccións coas que conta o programa é a de SEXUALIDADES FEMINISTAS… (conducida por unha das nosas Fiadeiras, Natalia) coa que se pretende dar unha visión da sexualidade que trata de romper co modelo de educación sexual androcéntrico, que nos transmiten, que nos venden e co que nos presionan desde os diferentes axentes de socialización como a familia, a escola, os grupos de iguais, os medios de comunicación, a igrexa…, un modelo que está cheo de prexuízos, tabues, controis, vergoñas, medos, sufrimentos e mitos sobre o amor romántico e sobre as relacións sexuais e o pracer; que nalgúns casos se traduce en experiencias negativas e frustracións noutros; un modelo que provoca estragos na igualdade, na felicidade e na estabilidade emocional das mulleres…

Neste primeiro programa, dentro desta sección de SEXUALIDADES FEMINISTAS; aproveitouse tamén para relacionar este tema coa caza de meigas…

Deixámosvos cun fragmento do que alí se falou…

...Podemos considerar ás meigas como auténticas FEMINISTAS que desenvolveron un papel clave opoñéndose á dominación masculina sobre o corpo da muller; facendo ás mulleres partícipes e libres para decidir sobre os seus propios corpos a través do uso dos métodos anticonceptivos e dos métodos abortivos. Este é un dos motivos polos que durante tres séculos se eliminou a moitas meigas e case a ningún meigo, que tamén os había…Recordemos que no período no que se deu caza ás meigas (A caza de meigas tivo lugar en Europa entre 1450 e 1750, desde o final da idade media e os comezos do modernismo; tres séculos de persecución), existía unha auténtica fobia pola sexualidade e polo corpo da muller, que era considerado aborrecible. A aparencia da muller tiña que ser feminina, sinxela e sobria, castigándose os adornos e a vestimenta recargada.

Fronte a este modelo de muller as meigas eran mulleres que coas súas palabras e as súas accións desafiaban as normas de docilidade e domesticidade e  o ideal de muller boa, nai e cristiá.

Eran as médicas, as únicas que coidaban da saúde das campesiñas e campesiños, as herboristas e as parteiras, as que protestaban, as  testarudas, as malfaladas, as que tiñan comportamentos contrarios ás normas sociais, as prostitutas, as que no ían á igrexa, , as inconformistas, as mulleres solas, las viúvas, as sexualmente expertas e independentes. Todas estas mulleres consideradas como meigas se converten no eixe de todos os males da sociedade durante os séculos XIV ata o XVIII, segundo o libro “Meigas, parteiras e enfermeiras. Unha Historia de sanadoras.” de Bárbara Ehrenrich y Deirdre English, 1998.

E por iso, se lles persegue, tortura e queima. Entre 1450 y 1750 houbo aló menos 110.000 procesos que terminaron nunhas 60.000 execucións, a maior parte en Polonia, onde se mataron 10.000, segundo se recolle no libro en “La caza de las brujas en la Europa Moderna”, de Brian Levak.

Animádevos a seguirnos no programa CUAC FM, os xoves, cada 15 días, no 103.4 FM ou a través de internet http://cuacfm.org/

 

Podes escoitar o programa enteiro en:

http://www.ivoox.com/meigas-radioactivas-programa-1-audios-mp3_rf_1261883_1.html