As Fiadeiras no Parlamento de Galicia

Son moitos os camiños que levamos percorridos nos últimos catro anos de andanza das Fiadeiras, e sobre todo o traballo e o esforzo que levamos facendo estes últimos meses para visibilizar a necesidade de incorporar os feminismos nas nosas vidas, na nosa profesión, a Educación Social.

Nun destes rueiros percorridos atopámonos no mes de marzo, concretamente o día 2, mesmo no Parlamento de Galicia, convidadas pola Comisión non permanente de estudo para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres para aportar o noso punto de vista sobre as leis vixentes a nivel estatal e galego en materia de Violencia machista.

Aquí vos deixamos coa nosa intervención, así como co texto que remitimos posteriormente ao Parlamento.

Vídeo:

http://fiadeirasceesg.blogaliza.org/2016/05/17/as-fiadeiras-no-…mento-de-galicia/

Informe:

http://fiadeirasceesg.blogaliza.org/2016/05/17/as-fiadeiras-no-…mento-de-galicia/

 

 

 

 

 

Nen educacción segregada, nen educación mixta: QUEREMOS COEDUCACIÓN

ANTE A PRÓXIMA REFORMA EDUCATIVA PLANTEXADA POLO GOBERNO DO ESTADO, O CONSELLO XERAL DE COLEXIOS OFICIAIS DE EDUCADORAS E EDUCADORES SOCIAIS FAI PÚBLICO O PRESENTE MANIFESTO.

A polémica sobre do financiamento con cartos públicos de centros que practican a educación segregada por sexos, reabriu o debate entorno ao modelo educativo que queremos como sociedade. Estamos ante unha cuestión na que se entrecruzan os intereses comúns e as particulares visións das familias, ancoradas na suposta “liberdade” para escoller a educación que queren para as súas fillas e fillos.

Por unha banda, situámonos ante centros privados que obteñen un financiamento xeneroso por parte das administracións públicas. Neste punto habería que cuestionar o feito de que cartos que poderían ser invertidos en mellorar o servizo público de ensino acaben subvencionando centros privados de carácter relixioso.

Doutra parte, se nos deixamos de eufemismos, estes centros privados non practican unha educación diferenciada, senón máis ben, sexista. Se temos en conta a lexislación vixente farase difícil atopar unha xustificación para a práctica segregacionista. A Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes, establece no artigo 23 que o sistema educativo debe incluír entre os seus fins o respecto aos dereitos e liberdades fundamentais en xeral e a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. De igual forma, o sistema educativo debe traballar a prol da eliminación dos obstáculos que poñan freo á igualdade efectiva entre mulleres e homes. ¿A igualdade entre os sexos lógrase por medio da separación e currículos diferenciados? Semella bastante improbable.

Ademais, no artigo 24 da mesma Lei ínstase ás Administracións educativas a evitar os estereotipos sexistas que poidan afondar a desigualdade entre mulleres e homes. A separación que se propón dende estes centros privados está enraizada en prexuízos sobre das capacidades de nenas e nenos. Xa se sabe, elas son máis traballadoras…

Entre os argumentos para manter este modelo educativo atopamos unha cuestionable melloría no rendemento académico por parte das rapazas e dos rapaces; e tamén se alude a que o modelo mixto actual non funciona á vista dos resultados dos informes PISA. A primeira afirmación agocha un intento de continuar perpetuando un modelo dual con expectativas diferenciadas e con desigual valor para unhas e outros. Sen dúbida, o modelo de ensino actual resulta mellorable, pero esta melloría non pasa pola separación senón –entre outros factores- por incorporar a perspectiva de xénero na formación do profesorado, para que lles permita dar unha resposta coeducativa o ás diferenzas que existen non só entre os sexos, senón en xeral entre as persoas.

Falamos dunha capacitación para traballar coa diversidade e ao seu favor.
Un profesorado máis sensible e consciente das desigualdades de xénero supón unha boa ferramenta para garantir a igualdade de oportunidades entre nenas e nenos. Sen embargo, a pesares do que indican certos discursos, na actualidade, o modelo mixto de ensino non ten logrado este obxectivo.

Grave erro foi pensar que por mesturar a nenas e nenos na mesma aula a coeducación xa era unha realidade, mais isto supón quedarnos na superficie. A verdadeira coeducación pasa por artellar un sistema educativo onde non existan prexuízos nin estereotipos de xénero que perpetúen as desigualdades, nin entre o profesorado, nin entre o alumnado e tampouco nos materiais didácticos.

Aínda queda moito camiño pero a igualdade efectiva non se consigue coa segregación senón cun sistema educativo que non teña medo ao feminismo. Este sistema, o de todas e todos, ten que ser público e de calidade. Por iso cuestionamos non só o financiamento de centros privados segregacionistas con cartos públicos senón a súa propia existencia.

Manifesto de Fiadeiras contra a violencia de xénero

1º.- Que entendemos a Violencia de Xénero, desde un punto de vista integral, como o conxunto de actos de discriminación e opresión ás mulleres, como consecuencia da sociedade androcéntrica e patriarcal na que vivimos; que favorece a interiorización de valores desiguais, desiquilibrio nas estruturas sociais e relacións desiguais de poder entre mulleres e homes.

2º.- Que a Educación Social xoga un papel fundamental en canto a poñer en práctica comportamentos críticos e xustos ante calquera tipo de violencia e é transmisora de mensaxes a prol doutro mundo sen machismos nen patriarcados.

3º.- Que nos tempos actuais non hai lugar para este tipo de actos consentidos por unha sociedade cega, na que temos obriga ética de intervir para acadar un cambio de actitudes progresual e que poidan abrir os ollos aquelas persoas que aínda seguen crendo que “non é cousa miña”, “non é para tanto”, “non é asunto noso” …

4º.- Que, como educadoras sociais, e como mulleres, sumámonos a aquelesmovementos feministas e entidades sociais que denuncien estes feitos, onde as mulleres son(somos) infravaloradas, desacreditadas ou violentadas, para facernos visibles e amosar que unha sociedade igualitaria nos favorece a todas as persoas, sexamos mulleres ou homes.

5º.- Que cremos no cambio de sociedade a través da educación social, xa que traballamos para un desenvolvemento integral das persoas, libres de prexuízos e de estereotipos lastrados do pasado, onde o camiño a seguir será a liberdade, o respecto e a convivencia como piares dunha comunidade igualitaria.

6º.- Que son necesarias e imprescindibles medidas lexislativas e xudiciais que acompañen cada caso de violencia machista, pero que tamén hai que complementar esta labor máis sancionadora con accións socioeducativas que preveñan e sensibilicen ante este terror.

7º.- Que a violencia institucional que estamos a padecer, como consecuencia dos recortes nos servizos publicos (educación, sanidade, servizos sociais e culturais), tamén é violencia contra as mulleres e por iso, reivindicamos a continuidade e o reforzamento dos servizos, programas e recursos destinados a atención integral ás mulleres.

8º.- Que loitaremos polo empoderamento e sororidade das mulleres: desde as mulleres, coas mulleres e para as mulleres; contruindo espazos de encontro e redes onde as protagonistas do cambio serán as voces ás mulleres, as nosas voces.

9º.- Que traballaremos, desde a prespectiva de xénero, en tódolos nosos ámbitos de actuación, xa que é a vía para concienciarnos do problema, comprobar a gravidade do mesmo, e actuar en consecuencia.

10º.- Que manifestaremos sempre o noso rexeitamento á violencia contra as mulleres, sexa do tipo que sexa, e defenderemos a nosa integridade por riba de todo. Nós, as mulleres, tamén existimos e SOMOS DE FIAR.