IV Aniversario de Fiadeiras

 

TRIVIAL 3As Fiadeiras cumprimos 4 anos, de andaina e fiando redes feministas. Seguindo con esta idea, o pasado 17 de setembro no Bar As Dúas, de Compostela, fixemos unha quedada para xogar ao Trivial Feminista que tan gustosamente mercamos no seu día ao Observatorio da Mariña pola Igualdade.

A idea era xuntarnos e, a través do xogo, intercambiar aprendizaxes para seguir creando sinerxias.

Foron cincos os equipos formados -Ángela Davis (azul), Gift Jones (rosa), República Malva (verde), Alfonsina Storni (laranxa) e Fiadeiras (amarelo)- e moitas as aprendizaxes colectivas.TRIVIAL 2

O equipo vencedor foi o República Malva e o premio un vale pola nosa próxima publicación MACHISMOS: DE MICRO NADA.

Moitas grazas a todas as persoas que vos achegastes a festexar o noso aniversario ao redor dunha partida de trivial.

 

Dous anos de andaina

Hai 162 anos, nacía, un día como hoxe, 16 de setembro, Emilia Pardo Bazán. Seguindo a súa senda feminista, así como a de moitas outras, naceu, fai dous anos, o Grupo de Traballo en Igualdade Fiadeiras (dentro do Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia) coa ilusión de crear espazos para o encontro, reflexión e traballo profesional das educadoras e educadores sociais da nosa comunidade, encamiñados a romper os modelos sexistas, androcéntricos e paternalistas que seguen a frear, a día de hoxe, os avances cara unha sociedade democrática, xusta e feminista.

 

Para conmemorar estes dous anos de andaina feminista, temos preparado un encontro n Casa Museo Emilia Pardo Bazán de A Coruña onde presentaremos o documental “O liño, arte e cultura” e teremos unhas Conversas Feministas sobre os traballos do liño coas compañeiras da Asociación de Mulleres Rurais de Insua (Vilalba).

O evento terá lugar o vindeiro 3 de outubro de 2013 entre ás 17.00h e as 20.30h na Casa Museo Emilia Pardo Bazán, rúa das Tabernas no 11(tamén sede da Real Academia Galega), A Coruña.

Agardámoste para compartir e tecer redes que permitan mellorar o traballo en igualdade que hai séculos iniciaron outras compañeiras dende o feminismo. Queremos continuar a súa labor e non queremos facelo soas. En compañía, a tarefa de cambiar o mundo parece máis posible e real.

Grazas por compartir un ano máis con Fiadeiras.

Non esquezas confirmar a túa asistencia no seguinte enderezo electrónico:
fiadeiras@ceesg.org

Agradecementos II Ciclo de Cine feminista Fiadeiras

O pasado mércores, rematamos o II Ciclo de Cine e… realmente desde Fiadeiras pensamos que foi espectacular poder compartir con todas as persoas participantes estes tempos e espazos de feminismos.

GRAZAS A TODXS, pola vosa presencia, polas vosas palabras, pensamentos, visións, compromisos, experiencias compartidas, afectos, vontades, sobre todo pola vosa aposta polo achegamento ao feminismo e polo achegamento a sororidade entre mulleres. Porque sen todxs nos, algo así non podería ser posible.

Durante as tres sesións de cine foi un pracer poder levar o ciclo a un espazo tan comprometido co feminismo en Galicia como é a Libreria Lila, por iso, moitas grazas Patricia, pola túa axuda, apoio e colaboración neste II Ciclo.

Celebramos 1 ano de Lila from lila de lilith on Vimeo.

Tamén un pracer escoitar a Pilar Mingote con ese discurso tan cheo de emoción, denuncia e verdade. Unha muller entrañable e das que merecen ser recoñecidas xunto coas “Mulleres Intramuros”.

Te transladamos os nosos agradecementos por participar no ciclo de cine e compartir connosco a túa experiencia, tan valiosa e comprometida. Parabéns e grazas polo traballo que estades a facer visibilizando as realidades das mulleres nas prisións.

Máis información en : http://chicass10.blogspot.com.es/p/nosotras-intramuros.html

A todas as Fiadeiras nos gustaría que as persoas que estiveches nas diferentes sesións nos enviárades os vosos comentarios sobre as mesmas.

Solo nos queda dicir, a polo III Ciclo de Cine Feminista Fiadeiras o ano que ven!!!

UN ANO DE FIADEIRAS

O pasado 16 de setembro cumprimos un ano de andaina feminista e queremos celebralo !!

Vai xa un ano dende que comezamos a nosa particular andaina feminista como Fiadeiras no marco do Colexio profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg). Ao longo deste tempo fomos quen de artellar diversas iniciativas unindo a nosa profesión e o feminismo. Sen dúbida, a relación entre a Educación Social e a loita feminista é mutuamente enriquecedora e mesmo podemos afirmar que son dimensións necesarias–entre moitas outras tamén- para mellorar as condicións do mundo en que vivimos.

Sylvia Pankhurst, emblemática sufraxista inglesa e unha das fundadoras da Unión Social e Política das Mulleres, advertía de que “non se pode cambiar o mundo tanto como quixeramos pero si se poden dar pequenos toques”, e con esta idea na cabeza, as Fiadeiras comezamos a tecer os nosos fíos violetas. O noso compromiso como grupo de traballo céntrase en crear un espazo feminista dentro da Educación Social, favorecendo a toma de conciencia sobre da imprescindible incorporación da perspectiva de xénero ao noso quefacer profesional.

Neste ano de vida desenvolvemos diversas iniciativas: ciclo de cine, xornadas formativas contra a Violencia de Xénero, Tuppersex feminista… tamén participamos en congresos, foros feministas, manifestacións e todas cantas accións se encamiñen ao noso obxectivo fundamental: combater o patriarcado.

A actividade das Fiadeiras non para, de feito, imos incorporando novas forzas no noso camiño. Neste senso, o aniversario semella unha boa ocasión para agradecer a Noelia e Ana que se sumen ao grupo de traballo. Benvidas!!!!

Dende unha perspectiva máis persoal, participar en Fiadeiras e compartir tempo con mulleres tan sabias é sempre unha aprendizaxe constante; é alento ante a soidade que en ocasións acompaña a quen non se acomoda aos patróns normativos, é amizade para disfrutar a vida.

Ogallá as Fiadeiras poidamos facer nosa a frase da actriz Anna Magnani, “déixenme todas as enrugas, non quiten ningunha: tardei unha vida en conseguilas”. Hoxe, no noso aniversario, brindamos por moitos anos de Fiadeiras cheos de creatividade, educación social e feminismo.

PARABÉNS COMPAÑEIRAS!!!

Tania Merelas Iglesias.


“Sinto unha gran honra de ser a madriña de Fiadeiras porque me fai sentir vinculada a un colectivo que traballa pola igualdade entre mulleres e homes en tódolos ámbitos, e especialmente por tirar abaixo os lastres que temos as mulleres para desenvolvernos profesional e vitalmente. As Fiadeiras teñen todo o meu apoio porque aínda é moito o camiño que nos queda por andar, especialmente nun tempo onde o moralismo recalcitrante e a hipocresía dos políticos/as que nos governan, pretende devolvernos ás mulleres a unha sociedade de hai 40 anos.
Ademáis as Fiadeiras supoñen unha guia fundamental para o traballo de sensibilización que se pode facer desde o teatro. Moita grazas a todas elas”.

 Patricia de Lorenzo.