As Fiadeiras no Parlamento de Galicia

Son moitos os camiños que levamos percorridos nos últimos catro anos de andanza das Fiadeiras, e sobre todo o traballo e o esforzo que levamos facendo estes últimos meses para visibilizar a necesidade de incorporar os feminismos nas nosas vidas, na nosa profesión, a Educación Social.

Nun destes rueiros percorridos atopámonos no mes de marzo, concretamente o día 2, mesmo no Parlamento de Galicia, convidadas pola Comisión non permanente de estudo para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres para aportar o noso punto de vista sobre as leis vixentes a nivel estatal e galego en materia de Violencia machista.

Aquí vos deixamos coa nosa intervención, así como co texto que remitimos posteriormente ao Parlamento.

Vídeo:

http://fiadeirasceesg.blogaliza.org/2016/05/17/as-fiadeiras-no-…mento-de-galicia/

Informe:

http://fiadeirasceesg.blogaliza.org/2016/05/17/as-fiadeiras-no-…mento-de-galicia/

 

 

 

 

 

2ª proxección no II Ciclo de Cine Feminista Fiadeiras

O vindeiro mércores ás 20.00 horas compartiremos unha nova proxección e o posterior debate e reflexión. Esta segunda sesión terá lugar no local do Ceesg, rúa Lisboa nº 20, en Santiago de Compostela.

A proposta deste mércores 17 de outubro xira arredor da temática: mulleres e saúde. O motivo desta selección é o compromiso coa visibilización das preocupacións polas desigualdades no eido da saúde e como repercute no benestar feminino.

A curtametraxe que imos proxectar é INDEFINIDA PLURAL (2010). Onde tres mulleres cuestionan e superan a través da Fibromialxia, roles de xénero e o que se esperaba delas. Reflexión da relación social, histórica e cultural das mulleres coa saúde, a dor, a culpa, as renuncias, os cuidados…

Agardámosvos no Ceesg ás 20 horas!

 

28 de setembro: Día de Acción Global por un Aborto legal, seguro e gratuíto


 

Nesta data queremos demandar o acceso a uns servizos de aborto legal, seguro e gratuíto para todas as mulleres, petición que podería evitar que cada día se realizaran 55 mil abortos inseguros no mundo.


Esta conmemoración ten as súas orixes no V Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe celebrado en Arxentina en 1990, onde se decide declarar este día como o Dia pola Despenalización do aborto, ao ter en conta que este constitúe a primeira causa de mortalidade das mulleres en moitos dos países da rexión.

Desde entón son moitas as organizacións de mulleres que se suman a campaña de presión para demandar a despenalización do aborto.

Entre elas a Plataforma Estatal en Defensa de los Derechos Sexuales y Reproductivos del Estado Español que aglutina a 270 asociacións e que este ano fai un especial chamamento ás mobilizacións contra o anuncio da reforma que plantexa o Goberno da lei vixente. Esta nova normativa plantexa volver a un sistema de supostos restritivos que permite, unicamente, o aborto en caso de risco para a saúde da muller e en caso de violación.

Galicia tamén se suma a campaña, e son moitas as asociacións e movementos feministas do noso país que estes días reivindican e reclaman o dereito que temos as mulleres a decidir sobre os nosos corpos. Podes mobilizarte en:

  • A Coruña, ás 19h na Praza de María Pita cos feminismos corunheses, e ás 20h no Obelisco concentración coa Plataforma Galega en Defensa dos Dereitos Sexuais e Reprodutivos «Decidir fainos libres».

  • Vigo, manifestación ás 20h na Praza Farola de Urzáiz. Marcha Mundial das Mulleres.

  • Compostela: concentración ás 20h no Toural

  • Val Miñor: concentración ás 20h na Ponte da Ramallosa.

  • Lugo: concentración ás 20h diante do Concello, na Praza Maior.

  • Ourense: concentración ás 20h xunto á Cátedra.

  • Pontevedra: concentración ás 20h praza Peregrina.

Desde Fiadeiras animamos á toda a cidadanía a participar activamente nestas mobilizacións e reivindicamos unha sanidade igual para todas e todos no que teña cabida o dereito das mulleres a decidir por un aborto libre, seguro e gratuíto, independentemente da nosa nacionalidade, a nosa residencia e o noso status social.

Máis información:

www.28deseptiembre.org

http://www.decidirnoshacelibres.org

nosotrasdecidimos.org

 

Loitando xuntas

Loitando xuntas. Quizabeis sexa esta unha boa maneira de definir o que aconteceu o pasado 11 de marzo nas rúas Compostelanas. Moitas mulleres loitando xuntas (tamén algúns homes) e alzando a voz contra o clima xeral de recortes sociopolíticos que afectan de maneira directa aos nosos dereitos máis fundamentais.

A “marea violeta” foi avanzando dende a estación de tren ata a céntrica praza da Quintana deixando ao seu paso unha chea de berros, música e moitas verdades. Cantamos contra os poderes patriarcais que se establecen na orde política, na orde xurídica e tamén, como non podía ser doutro xeito, tivemos un recordatorio para nosa benquerida Conferencia Episcopal. Porque todos son a cara da mesma moeda, todos intentan limitar o exercicio efectivo da cidadanía feminina, cada quen dende as súas posicións.

O feminismo galego precisa coordinarse para loitar contra os ataques machistas que están a vir enriba nosa, as mulleres temos que saír á rúa e defender os nosos dereitos porque non somos cidadás de segunda. E temos que facelo xuntas, hoxe máis ca nunca, precisamos dunha cidadanía forte, activa e feminista que responda ante o atropelo constante e o sen sentido PoPular.

As Fiadeiras estivemos na Quintana, e seguiremos estando en tódolos espazos, foros e/ou lugares onde haxa mulleres e homes con ganas de traballar por un mundo diferente, porque verdadeiramente é posible.

Recordando as verbas de Charlotte Bunch (activista feminista e fundadora de Center for Women’s Global Leadership),

“o estado actual do mundo esixe que as mulleres se tornen menos modestas e soñen, planeen, actúen, arrisquen en maior escala”.

Como dicía a canción… FEMINISMO PARA ADIANTE, MACHISMO PARA ATRÁS!!!