Nen educacción segregada, nen educación mixta: QUEREMOS COEDUCACIÓN

ANTE A PRÓXIMA REFORMA EDUCATIVA PLANTEXADA POLO GOBERNO DO ESTADO, O CONSELLO XERAL DE COLEXIOS OFICIAIS DE EDUCADORAS E EDUCADORES SOCIAIS FAI PÚBLICO O PRESENTE MANIFESTO.

A polémica sobre do financiamento con cartos públicos de centros que practican a educación segregada por sexos, reabriu o debate entorno ao modelo educativo que queremos como sociedade. Estamos ante unha cuestión na que se entrecruzan os intereses comúns e as particulares visións das familias, ancoradas na suposta “liberdade” para escoller a educación que queren para as súas fillas e fillos.

Por unha banda, situámonos ante centros privados que obteñen un financiamento xeneroso por parte das administracións públicas. Neste punto habería que cuestionar o feito de que cartos que poderían ser invertidos en mellorar o servizo público de ensino acaben subvencionando centros privados de carácter relixioso.

Doutra parte, se nos deixamos de eufemismos, estes centros privados non practican unha educación diferenciada, senón máis ben, sexista. Se temos en conta a lexislación vixente farase difícil atopar unha xustificación para a práctica segregacionista. A Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes, establece no artigo 23 que o sistema educativo debe incluír entre os seus fins o respecto aos dereitos e liberdades fundamentais en xeral e a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. De igual forma, o sistema educativo debe traballar a prol da eliminación dos obstáculos que poñan freo á igualdade efectiva entre mulleres e homes. ¿A igualdade entre os sexos lógrase por medio da separación e currículos diferenciados? Semella bastante improbable.

Ademais, no artigo 24 da mesma Lei ínstase ás Administracións educativas a evitar os estereotipos sexistas que poidan afondar a desigualdade entre mulleres e homes. A separación que se propón dende estes centros privados está enraizada en prexuízos sobre das capacidades de nenas e nenos. Xa se sabe, elas son máis traballadoras…

Entre os argumentos para manter este modelo educativo atopamos unha cuestionable melloría no rendemento académico por parte das rapazas e dos rapaces; e tamén se alude a que o modelo mixto actual non funciona á vista dos resultados dos informes PISA. A primeira afirmación agocha un intento de continuar perpetuando un modelo dual con expectativas diferenciadas e con desigual valor para unhas e outros. Sen dúbida, o modelo de ensino actual resulta mellorable, pero esta melloría non pasa pola separación senón –entre outros factores- por incorporar a perspectiva de xénero na formación do profesorado, para que lles permita dar unha resposta coeducativa o ás diferenzas que existen non só entre os sexos, senón en xeral entre as persoas.

Falamos dunha capacitación para traballar coa diversidade e ao seu favor.
Un profesorado máis sensible e consciente das desigualdades de xénero supón unha boa ferramenta para garantir a igualdade de oportunidades entre nenas e nenos. Sen embargo, a pesares do que indican certos discursos, na actualidade, o modelo mixto de ensino non ten logrado este obxectivo.

Grave erro foi pensar que por mesturar a nenas e nenos na mesma aula a coeducación xa era unha realidade, mais isto supón quedarnos na superficie. A verdadeira coeducación pasa por artellar un sistema educativo onde non existan prexuízos nin estereotipos de xénero que perpetúen as desigualdades, nin entre o profesorado, nin entre o alumnado e tampouco nos materiais didácticos.

Aínda queda moito camiño pero a igualdade efectiva non se consigue coa segregación senón cun sistema educativo que non teña medo ao feminismo. Este sistema, o de todas e todos, ten que ser público e de calidade. Por iso cuestionamos non só o financiamento de centros privados segregacionistas con cartos públicos senón a súa propia existencia.