As Fiadeiras no Parlamento de Galicia

Son moitos os camiños que levamos percorridos nos últimos catro anos de andanza das Fiadeiras, e sobre todo o traballo e o esforzo que levamos facendo estes últimos meses para visibilizar a necesidade de incorporar os feminismos nas nosas vidas, na nosa profesión, a Educación Social.

Nun destes rueiros percorridos atopámonos no mes de marzo, concretamente o día 2, mesmo no Parlamento de Galicia, convidadas pola Comisión non permanente de estudo para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres para aportar o noso punto de vista sobre as leis vixentes a nivel estatal e galego en materia de Violencia machista.

Aquí vos deixamos coa nosa intervención, así como co texto que remitimos posteriormente ao Parlamento.

Vídeo:

http://fiadeirasceesg.blogaliza.org/2016/05/17/as-fiadeiras-no-…mento-de-galicia/

Informe:

http://fiadeirasceesg.blogaliza.org/2016/05/17/as-fiadeiras-no-…mento-de-galicia/

 

 

 

 

 

Dous anos de andaina

Hai 162 anos, nacía, un día como hoxe, 16 de setembro, Emilia Pardo Bazán. Seguindo a súa senda feminista, así como a de moitas outras, naceu, fai dous anos, o Grupo de Traballo en Igualdade Fiadeiras (dentro do Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia) coa ilusión de crear espazos para o encontro, reflexión e traballo profesional das educadoras e educadores sociais da nosa comunidade, encamiñados a romper os modelos sexistas, androcéntricos e paternalistas que seguen a frear, a día de hoxe, os avances cara unha sociedade democrática, xusta e feminista.

 

Para conmemorar estes dous anos de andaina feminista, temos preparado un encontro n Casa Museo Emilia Pardo Bazán de A Coruña onde presentaremos o documental “O liño, arte e cultura” e teremos unhas Conversas Feministas sobre os traballos do liño coas compañeiras da Asociación de Mulleres Rurais de Insua (Vilalba).

O evento terá lugar o vindeiro 3 de outubro de 2013 entre ás 17.00h e as 20.30h na Casa Museo Emilia Pardo Bazán, rúa das Tabernas no 11(tamén sede da Real Academia Galega), A Coruña.

Agardámoste para compartir e tecer redes que permitan mellorar o traballo en igualdade que hai séculos iniciaron outras compañeiras dende o feminismo. Queremos continuar a súa labor e non queremos facelo soas. En compañía, a tarefa de cambiar o mundo parece máis posible e real.

Grazas por compartir un ano máis con Fiadeiras.

Non esquezas confirmar a túa asistencia no seguinte enderezo electrónico:
fiadeiras@ceesg.org

Xornadas Ecofeministas: repensando a vida

Os días 30 de novembro, 1 e 2 de decembro de 2012 terá lugar en Compostela un encontro para a reflexión sobre o ecofeminismo en Galicia. Na organización destas Xornadas Ecofeministas: repensando a vida, participamos diferentes colectivos e asociacións comprometidas coa transición cara a un modelo de vida afastado do consumismo exacerbado e da produción sen límite.

A idea desta iniciativa é compartir redes para construír a resiliencia que precisamos na busca de alternativas ante a converxencia de crises mundiais. E, por riba de todo, trátase de visibilizar o traballo e a experiencia das mulleres como intanxible fundamental desta transición, porque son elas quen garanten o benestar e a vida por medio dos coidados que prestan desinteresadamente. Se as mulleres paran… para o mundo.

Convidámosvos a participar e aprender da cooperación necesaria entre o feminismo e o ecoloxismo, dúas forzas transformadoras para (re)pensar o mundo que vivimos e o futuro que queremos.

Agardámosvos!

O grupo Fiadeiras do Ceegs forma parte da organización destas xornadas. Pronto estará dispoñible o programa.

Loitando xuntas

Loitando xuntas. Quizabeis sexa esta unha boa maneira de definir o que aconteceu o pasado 11 de marzo nas rúas Compostelanas. Moitas mulleres loitando xuntas (tamén algúns homes) e alzando a voz contra o clima xeral de recortes sociopolíticos que afectan de maneira directa aos nosos dereitos máis fundamentais.

A “marea violeta” foi avanzando dende a estación de tren ata a céntrica praza da Quintana deixando ao seu paso unha chea de berros, música e moitas verdades. Cantamos contra os poderes patriarcais que se establecen na orde política, na orde xurídica e tamén, como non podía ser doutro xeito, tivemos un recordatorio para nosa benquerida Conferencia Episcopal. Porque todos son a cara da mesma moeda, todos intentan limitar o exercicio efectivo da cidadanía feminina, cada quen dende as súas posicións.

O feminismo galego precisa coordinarse para loitar contra os ataques machistas que están a vir enriba nosa, as mulleres temos que saír á rúa e defender os nosos dereitos porque non somos cidadás de segunda. E temos que facelo xuntas, hoxe máis ca nunca, precisamos dunha cidadanía forte, activa e feminista que responda ante o atropelo constante e o sen sentido PoPular.

As Fiadeiras estivemos na Quintana, e seguiremos estando en tódolos espazos, foros e/ou lugares onde haxa mulleres e homes con ganas de traballar por un mundo diferente, porque verdadeiramente é posible.

Recordando as verbas de Charlotte Bunch (activista feminista e fundadora de Center for Women’s Global Leadership),

“o estado actual do mundo esixe que as mulleres se tornen menos modestas e soñen, planeen, actúen, arrisquen en maior escala”.

Como dicía a canción… FEMINISMO PARA ADIANTE, MACHISMO PARA ATRÁS!!!