Artes escénicas

As Fillas Bravas

unnamedGrupo Chévere (2014)


As Fillas Bravas é un novo proxecto que segue apostando por usar o teatro como ferramenta eficaz para sensibilizar ao público e combater as desigualdades e a violencia de xénero. É unha obra que tamén utiliza a música tradicional galega como soporte. O protagonismo é para tres mulleres maiores, que veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.

As Fillas Bravas son tres señoras que tocan a pandeireta e cantan as coplas que aprenderon escoitando as súas nais e ás súas avoas. Cancións que retratan unha caste de mulleres donas de si mesmas, que souberon gobernar as súas vidas, administrando con sabedoría tanto as terras e a casa como as emocións e a propia sexualidade. Detrás desta peza hai un traballo de investigación sobre o cancioneiro popular galego de transmisión oral, e a maioría das coplas que se cantan foron extraídas de escolmas publicadas ao longo do século XIX. E, sobre todo, hai un esforzo exemplar das tres actrices protagonistas, Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar, que aprenderon a tocar a pandeireta e desenvolveron unha técnica de interpretación naturalista, coa intención de que se produza unha identificación total do público cos personaxes.

Máis Información: Grupo Chévere


As do Peixe

Compañía Abrapalabra Creacións Escénicas (2013)


As testemuña reais de mulleres que traballaron nunha fábrica de conservas e perderon o seu traballo foron recollidas nunha investigación de campo por Cristina Domínguez e Casilda Alfaro; punto do que partiu Cándido Pazó para escribir “As do peixe” unha obra teatro que despois dun longo proceso creativo, amósanos a Catro actrices, catro traballadoras, un lote de historia e, como mar de fondo, o sector conserveiro.

A directora do espectáculo sinala que a obra divídese en “catro cadros” nas que as mulleres van lembrando a súa vida nesta industria, aínda que no texto tamén se coa os tempos ruíns dos nosos días.

As actrices

Catro traballadoras, catro intérpretes. Elas son Monica Camaño, Susana Dans, Rocío González, Casilda Alfaro, que levou a cabo, xunto a Cristina Domínguez, o traballo de campo e as entrevistas. Elas catro poñen cara e voz a toda un segmento de traballadoras da historia de Galicia.


Paper Dolls

Inversa Teatro (2012)


Paper Dolls é a cuarta producción de Inversa Teatro. A peza está dirixida por Lola Correa (Directora do Festival Alternativo Artes Escénicas de Vigo) e foi estreada no Auditorio Municipal de Vigo. Paper Dolls é un conxunto de material visual que, a través dos pasos de dúas mulleres, inventa situacións, exterioriza pensamentos e xoga a desafiar ao tempo pasado recreándoo nun presente ambiguo. No escenario asistimos a varios cambios de pel das actrices, que ó modo de bonecas de papel, amosan diferentes roles que pode adoptar o «ser feminino». O proxecto experimental Paper Dolls vai indiscutiblemente ligado ó documental sobre o proceso de creación da peza, concibido polo equipo audiovisual encabezado por Manu Paz e que sempre acompaña ás representacións. Este é un novo exemplo da aposta de Inversa pola convivencia de diferentes campos artísticos.

Un dos pontos clave para INVERSA Teatro é a súa intención feminista. Non é casual que todas as súas obras cuestionen o papel da muller na sociedade.

Neste momento Inversa ten tamén en cartel os espectáculos Expostas, A illa das mulleres loucas e  Kamouraska.

Máis información: Inversa Teatro


Elas Fan Tech

Comisariado: Ánxela Caramés


ELAS FAN TECH reune a unha serie de artistas internacionais que exploran as posibilidades expresivas dos medios tecnolóxicos nas súas obras, apropiándose desta ferramenta, tradicionalmente considerada masculina, para abordar diferentes posicionamentos conceptuais e rachar estereotipos.

12 artistas que traballan desde a perspectiva feminista a través da arte e as novas tecnoloxías:

1. YASMINA MORÁN

2. INÉS PARCERO

3. BEGO M. SANTIAGO

4. ANNA KATARINA MARTIN

5. LILIA VILLAFUERTE

6. FÁTIMA CASTAÑO

7. CHRIS SUGRUE

8. FRANCESCA MEREU

9.MARIANA CARRANZA

10. VICTORIA DIEHL

11. NURIA CANO

12. ANAISA FRANCO

Máis información: http://istoenormal.org/es/exposicions/elas-fan-tech


La poligonera feminista

Rosario Hernández Catalán (2011)


Esta publicación moi recomendada para todas as persoas, fundamentalmente para as persoas novas, que queren profundar no feminismo, recolle unha interesante obra de teatro La poligonera feminista protagonizada por Vane, unha rapaza de 18 anos poligonera, choni ou bolseira que vive nun barrio obreiro-parado de nova construción cheo de carteis de COMPRO OURO. Vane recibe a visita de tres fantasmas, a fantasma feminista do presente, a do pasado e a do futuro. Gracias a elas vaise dando conta de que a que está dobremente oprimida ten que ser dobremente revolucionaria. Aprende un feminismo integral e radical cun ambicioso plan B a Patrix.

Esta obra ten como obxectivo a concienciación da poboación en xeral e, en especial das rapazas novas, sobre o verdadeiro significado do termo feminista e sobre do gran valor social e histórico que ten o movemento e as reivindicacións das mulleres.

Máis información: www.femiteca.com


Tres


Pisando ovos (2010). Interpretación: Janet Novás, Andrea Quintana, Rut Balbís. Dirección: Rut Balbís. Escenografía e iluminación: Afonso Castro. Son: David F. Vieites. Vestiario: Pisando Ovos.


Pisando Ovos é unha compañía de danza contemporánea creada no 2005. A súa primeira obra é N8 0HX, estreada en Vigo no Teatro Ensalle no festival Isto Ferve do ano 2005 e seleccionada pola Rede de teatros e salas Alternativas no 2006. No 2007 estrean dous espectáculos máis: No intre 1800 e 30000, este último coproducido polo Centro Coreográfico Galego e dirixido por Damián Muñoz. No 2008 a compañía recibe o 1º premio no Certamen Coreográfico de Madrid cun extracto da súa peza No intre 1800. Pisando Ovos é compañía residente do Teatro Ensalle de Vigo.

Tres: o tema de investigación desta peza é a muller, as mesmas intérpretes. Pero non existe a necesidade de reinvindicar o seu sexo, nen defender ou criticar ningún aspecto social ou histórico da muller, simplemente queren xogar co encontro de tres persoas, de tres mulleres que son condicionadas pola súa sexualidade á vez que das súas experiencias persoais sobre ela. Provocar encontros e desencontros das tres coas súas individualidades e os seus puntos en común. Un mundo por descubrir que se irá abrindo a medida que o proceso avance rescatando historias persoais e outras máis comúns.


Máis información: Pisando ovos


Área de Descanso

Gayo Pinheiro (2012)

Gayo Pinheiro é o dúo formado por Clara Gayo e Iria Pinheiro que veñen de “asociarse” recentemente para ofrecer unha proposta escénica: “Área de descanso”.

Un espectáculo inspirado no código do xénero cabaré, onde dúas mulleres narran as súas peripecias dende que deciden dar un xiro á súa vida e percorrer o mundo á marxe de crises e conflitos internacionais. Cunha linguaxe sinxela e mesmo achegada ó absurdo, analizan a actualidade e os problemas dun sistema económico e social esencialmente dominado por homes no que non atopan o seu lugar. A idea da viaxe/viraxe que acometen vencidas e cansas da inflexibilidade do seu entorno, é o punto de partida en contraposición á inmobilidade que tradicionalmente se asocia ou identifica coas mulleres, na eterna espera dun factor externo (normalmente masculino) que chegue a mudar a súa situación.

En “Area de descanso” estas mulleres falan, opinan, critican e analizan todo con acidez e ironía e toman postura ante o que acontece sempre dende a súa propia natureza e razón de ser, parodiando por momentos os roles masculinos típicos, pero sen deixar que estes acaben sendo os protagonistas pasivos.

Máis información: Gayo Pinheiro

Testosterona (1/5)

Testosterona é un proxecto de creación escénica e invervención cultural sobre identidade e construción de xénero que Chévere estreou no ano 2009 composto por un obradoiro para-teatral, unha conferencia espctáculo e esta obra de teatro, que publicamos integramente dividida en cinco partes. Testosterona xirou por boa parte de España e Galicia,  facendo un total e 70 funcións.


Ser home por un día


I’ll be watching you: a construción do xénero a través da música comercial

Coa participación de Patricia de Lorenzo e Manuel Cebrián.
Yeni é a vocalista e Dami o guitarrista dunha orquestra de pachanga. Veñen ofrecer o típico repertorio versioneando os éxitos do pop actual, esa música supostamente neutral e apolítica…

I’ll be watching you é un proxecto pedagóxico, teatral, lúdico e musical do grupo Chévere, que cuestiona os estereotipos ríxidos de home e muller e das relacións de parella que transmiten moitas baladas románticas de consumo masivo.

Máis información: Chévere


Bonecas
Escrita e dirixida por Jose L. Prieto e protagonizada por Celia González e Paula Morado.
Clara e Rebeca. Dúas irmás nunha habitación pasan o tempo oscilando entre a comedia e a traxedia.
Son vítimas inconscientes do perigo que corren.
Son bonecas rotas… pero elas non o saben.

Máis información: http://oaturuxodemelpomene.blogspot.com.es/



Cítizen
CITIZEN II, segundo acto de CITIZEN.

CITIZEN II é un traballo feito co corazón e desde o corpo. Transita polo teatro documental ata mergullarse na atmosfera do melodrama. E quere ser unha homenaxe a un grupo de mulleres que seguen defendendo o seu dereito ao traballo, e que nos axudaron a comprender que os medios non xustifican o fin.

CITIZEN II sitúase dentro das paredes dun taller de confección formado exclusivamente por mulleres, para contar dun fenómeno social propio de certos lugares como Galicia e que sucedeu durante os anos 80 e 90: a movilización masiva de man de obra feminina encamiñada a formar cooperativas, para levantar un imperio téxtil que nunca lles ofreceu máis que o mínimo para a súa subsistencia a cambio dunha entrega total. Man de obra a baixo prezo no corazón de Occidente, autoexplotación subvencionada polas administracións públicas, perversión do cooperativismo. Unha forza de traballo de usar e tirar que deixou un rastro de frustración, impotencia e raiba individual.

Unha creación Chévere. En escena: Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés. Dramaturxia e dirección: Xron. Escrita: MCortés. Técnico en xira: Fidel Vázquez. Produción: Juancho Gianzo.

Máis información: Chévere