Conmemoracións

22 DE FEBREIRO: DÍA EUROPEO DA IGUALDADE SALARIAL

O 22 de febreiro conmemórase o Día Europeo da Igualdade Salarial co compromiso de por fin á discriminación laboral das mulleres. E celébrase neste día, por un motivo concreto. Ao gañar un 17,5% menos, as mulleres teríamos que traballar ata o 5 de marzo, aproximadamente 2 meses máis, para acadar a mesma remuneración anual que os homes.

Temos que lembrar que a Igualdade de remuneración laboral entre mulleres e homes é un dos principios básicos da constitución da UE, o principio de NON DISCRIMINACIÓN.

A diferencia salarial é unha forma de desigualdade e discriminación que implica repercusións para as mulleres de gran alcance; pois menores salarios supoñen pensións máis baixas, por iso o 22% das mulleres maiores de 65 anos atópanse en risco de pobreza, fronte ao 16% dos homes.


8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O día 8 de marzo é unha data para a lembranza, a loita e o recoñecemento ao legado de coraxe, sabedoría e independencia das nosas pioneiras feministas. Un día no que temos a responsabilidade de transmitirlle a sociedade e as novas xeracións que os dereitos que actualmente temos as mulleres foron conseguidos a costa de loitas, sacrificios e dor de moitas mulleres valentes que se enfrontaron aos autoritarismos do seu tempo.

Os dereitos sociais e políticos, o dereito ao voto, o dereito a educación, a un salario xusto e a anticoncepción foron algunhas demandas dos primeiros movementos organizados de mulleres nas súas distintas vertentes: socialistas, comunistas, sufraxistas e pacifistas, en escenarios marcados por guerras e revolucións.

O 8 de Marzo de 1911 conmemorouse por primeira vez o Día Internacional da Muller en algúns países europeos, ano tras ano, foise estendendo a outros países. En 1952 a ONU declara o 8 de Marzo como “Día Internacional da Muller”.

No Estado Español o primeiro 8 de Marzo conmemórase en 1977, centrándose nos problemas das mulleres no mundo laboral.

Cada 8 de Marzo, debemos renovar o noso compromiso e manter vixentes os principios de LIBERDADE, XUSTIZA E AUTONOMÍA do ideario das fundadoras do feminismo.


26 DE ABRIL: DÍA DA LOITA POLA VISIBILIZACIÓN DAS MULLERES LESBIANAS

O día 26 de abril conmemórase a loita pola normalización dos dereitos das mulleres lesbianas, para que se fagan realmente efectivos na vida cotiá. A visibilidade e a normalidade deben ser piares nos que asentar unha democracia diversa e respetuosa coas persoas, neste caso, coas mulleres que escollen e deciden como e con quen queren compartir a súa sexualidade e a súa vida, sen que isto supoña discriminación de ningún tipo.

Recuperamos unhas verbas das compañeiras da Asociación Nós Mesmas nesta reivindicación e sumámonos a elas: 

Hoxe é o noso día, e unha vez máis festexamos nosa loita diaria pola visibilidade da nosa realidade. Somos mulleres diversas, mulleres que sabemos que o mellor valor dunha sociedade radica na súa diversidade, mulleres que sabemos que a democracia sen nosoutras, non é democracia. E así, hoxe como cada día damos un portazo os armarios, por nós mesmas e a nosa felicidade, pola liberdade das xeracións futuras, pola dignidade de quen loitaron pola visibilidade, cando realmente todo, o tiñan en contra.

Porque a vida, nosas vidas, están fora do armario. Porque non estamos soas. Porque como mulleres lésbicas existimos, traballamos, amamos, creamos, temos fillas e fillos, pagamos nosos impostos, votamos, decidimos. É o momento de rachar o silencio dunha vez por todas, o momento de vivir unha vida plena, o momento de darnos a nos mesmas o dereito a felicidade. Só con IGUALDADE E VISIBILIDADE outra política, realidade e sociedade é posible. Por unha sociedade na que todas e todos somos diferentes e iguais en dereitos.

Non é só nosa loita, é a de todas as mulleres, mulleres mozas e maiores, é a de toda unha sociedade que cree na igualdade, na liberdade de todas e todos.

 


24 DE MAIO: DÍA DA MULLER ANTIMILITARISTA

O 24 de maio conmemórase o Día Internacional da muller antimilitarista co compromiso de lembrar a necesidade e a urxencia social da paz e do desarme.

Temos que lembrar que as mulleres seguimos sendo as principais vítimas dos conflitos armados, someténdonos sistematicamente a violencias sexuais en tódalas épocas e en tódalas culturas.

Recollendo as verbas de Branca Guerreiro (da Organización de Mulleres da Confederación de STEs): “A participación das mulleres no movemento antimilitarista aporta unha visión propia ao conflito, obrigando a introducir no debate a perspectiva feminista,  definindo aos exércitos e ao militarismo como unha expresión máis do patriarcado”.


28 DE SETEMBRO: DÍA INTERNACIONAL POLA DESPENALIZACIÓN DO ABORTO.

Esta conmemoración ten as súas orixes no V Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe celebrado en Arxentina en 1990, onde se decide declarar este día como o Dia pola Despenalización do aborto, ao ter en conta que este constitúe a primeira causa de mortalidade das mulleres en moitos dos países da rexión. 

Desde entón son moitas as organizacións de mulleres que se suman a campaña de presión para demandar a despenalización do aborto.

Entre elas a Plataforma Estatal en Defensa de los Derechos Sexuales y Reproductivos del Estado Español que aglutina a 270 asociacións e que este ano 2012 fai un especial chamamento ás mobilizacións contra o anuncio da reforma que plantexa o Goberno da lei vixente. Esta nova normativa plantexa volver a un sistema de supostos restritivos que permite, unicamente, o aborto en caso de risco para a saúde da muller e en caso de violación.


15 DE OUTUBRO: DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES RURAIS

O Día Internacional das mulleres rurais implica o recoñecemento oficial da «función e a contribución decisivas da muller rural, incluída a muller indíxena, na promoción do desenvolvemento agrícola e rural, a mellora da seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza rural».

As mulleres desempeñan un papel fundamental nas economías rurais dos países desenvolvidos e en desenvolvemento. Na maior parte do mundo participan na produción dos cultivos, o coidado do gando, proporcionan alimentos, auga e combustible para as súas familias e participan en actividades non agrícolas para diversificar os medios de subsistencia. Ademais, levan a cabo funcións vitais no coidado da infancia, as persoas maiores e as persoas enfermas.

Algúns datos que non debemos esquecer ao longo do ano:

  • a maioría das persoas pobres do mundo son mulleres,

  • elas cultivan, cazan ou pescan os alimentos para a familia,

  • levan auga e leña á casa, e preparan e cociñan os alimentos.

  • A pesar de todo isto, as mulleres son as últimas no acceso aos recursos, á capacitación e aos préstamos financeiros.