UN ANO DE FIADEIRAS

O pasado 16 de setembro cumprimos un ano de andaina feminista e queremos celebralo !!

Vai xa un ano dende que comezamos a nosa particular andaina feminista como Fiadeiras no marco do Colexio profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg). Ao longo deste tempo fomos quen de artellar diversas iniciativas unindo a nosa profesión e o feminismo. Sen dúbida, a relación entre a Educación Social e a loita feminista é mutuamente enriquecedora e mesmo podemos afirmar que son dimensións necesarias–entre moitas outras tamén- para mellorar as condicións do mundo en que vivimos.

Sylvia Pankhurst, emblemática sufraxista inglesa e unha das fundadoras da Unión Social e Política das Mulleres, advertía de que “non se pode cambiar o mundo tanto como quixeramos pero si se poden dar pequenos toques”, e con esta idea na cabeza, as Fiadeiras comezamos a tecer os nosos fíos violetas. O noso compromiso como grupo de traballo céntrase en crear un espazo feminista dentro da Educación Social, favorecendo a toma de conciencia sobre da imprescindible incorporación da perspectiva de xénero ao noso quefacer profesional.

Neste ano de vida desenvolvemos diversas iniciativas: ciclo de cine, xornadas formativas contra a Violencia de Xénero, Tuppersex feminista… tamén participamos en congresos, foros feministas, manifestacións e todas cantas accións se encamiñen ao noso obxectivo fundamental: combater o patriarcado.

A actividade das Fiadeiras non para, de feito, imos incorporando novas forzas no noso camiño. Neste senso, o aniversario semella unha boa ocasión para agradecer a Noelia e Ana que se sumen ao grupo de traballo. Benvidas!!!!

Dende unha perspectiva máis persoal, participar en Fiadeiras e compartir tempo con mulleres tan sabias é sempre unha aprendizaxe constante; é alento ante a soidade que en ocasións acompaña a quen non se acomoda aos patróns normativos, é amizade para disfrutar a vida.

Ogallá as Fiadeiras poidamos facer nosa a frase da actriz Anna Magnani, “déixenme todas as enrugas, non quiten ningunha: tardei unha vida en conseguilas”. Hoxe, no noso aniversario, brindamos por moitos anos de Fiadeiras cheos de creatividade, educación social e feminismo.

PARABÉNS COMPAÑEIRAS!!!

Tania Merelas Iglesias.


“Sinto unha gran honra de ser a madriña de Fiadeiras porque me fai sentir vinculada a un colectivo que traballa pola igualdade entre mulleres e homes en tódolos ámbitos, e especialmente por tirar abaixo os lastres que temos as mulleres para desenvolvernos profesional e vitalmente. As Fiadeiras teñen todo o meu apoio porque aínda é moito o camiño que nos queda por andar, especialmente nun tempo onde o moralismo recalcitrante e a hipocresía dos políticos/as que nos governan, pretende devolvernos ás mulleres a unha sociedade de hai 40 anos.
Ademáis as Fiadeiras supoñen unha guia fundamental para o traballo de sensibilización que se pode facer desde o teatro. Moita grazas a todas elas”.

 Patricia de Lorenzo.