V XORNADAS DE EDUCACIÓN SOCIAL E VIOLENCIA DE XÉNERO: FEMINISMOS E DEPORTE

O pasado 16 e 17 de decembro celebráronse en Oleiros as V Xornadas de Educación Social e Violencia de Xénero organizadas por Fiadeiras.

Unha das actividades que ven realizando Fiadeiras dende os seus inicios (2011) é a realización das xornadas “Educación social e violencia de xénero” que teñen como principal obxectivo sensibilizar e concienciar ao alumnado das diferentes facultades galegas de Ciencias da Educación, sobre a necesidade de establecer boas prácticas dende a educación social para a eliminación de tódalas formas de violencia contra as mulleres. 

O primeiro ano, 2011, organizáronse na Facultade de Ciencias da Educación na Universidade da Coruña baixo o lema I Xornadas de Educación social e Violencia de xénero: Boas prácticas para a súa erradicación”. O segundo ano trasladámonos á facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense, baixo o lema II Xornadas de Educación e Violencia de Xénero. Sensibilizando”. No ano 2013, a nosa proposta foi organizar as III Xornadas na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, baixo o lema “III Xornadas de Educación Social e Violencia de xénero: Sexualidades desobedientes”. No ano 2015, realizáronse as “IV Xornadas de Educación Social e Violencia de xénero : olladas feministas para transformar a vida cotiá”.

Este ano decidimos trasladarnos á Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, contando ca colaboración do Grupo de Estudos de Xénero, actividade física e deporte da Universidade da Coruña (GEXAFD).

As Xornadas arrancaron o venres pola tarde cunha mesa inagural conformada por Cristina López – do GEXAFD da UDC – e Fiadeiras. En primeiro lugar, Cristina López falou sobre a importancia do deporte para o empoderamento das mulleres, amosando cómo dende os inicios do movemento sufraxista, o deporte estivera moi presente a través, principalmente, da bicicleta. Este elemento segue a estar presente como símbolo de mobilidade para as mulleres e ocupación do espazo público. Algúns exemplos amosados foron “Mujeres encima de la bicicleta” dende Chile (http://www.macleta.cl/), “Ovarian psycho bycicle brigada” (https://ovarianpsycos.com/) ou os exemplos dos Concellos de Arteixo e Allariz: http://www.arteixo.org/datos/cim/2015/bicicim.pdf e https://www.youtube.com/watch?v=hqNBd-9EMC0. Tamén se resaltou a figura dalgunhas mulleres que racharon as “regras do xogo” como Kathrine Switzer e que, afortunadamente o seguen facendo. Algúns exemplos danse no chamado “deporte rei”, o fútbol como “La Nuestra” en Arxentina (http://lanuestrafutbolfemenino.blogspot.com.es/2016/11/mi-juego-mi-revolucion.html) “Discover football” en Alemaña (http://www.discoverfootball.de/home/) e “Slum Soccer” na India (http://www.slumsoccer.org/). Outros deportes, minoritarios, ofrecen tamén moitas posibilidades de empoderamento como o skate (https://skateistan.org/) e o surf (http://wavesoffreedom.org/). Finalmente, a profesora López comentou algúns programas realizados que conectan directamente educación social coa práctica física como a “Escola de empoderamento para mulleres” de Getxo (http://www.getxo.eus/es/igualdad/programas) ou os realizados en Galiza como o programa “Creando o noso mapa” do Concello de Oleiros e a “Aula do Corpo”  levada a cabo no centro de Servizos Sociais de Labañou, na Coruña.

A continuación, o grupo de traballo en igualdade do Ceesg Fiadeiras, expuxo as posibles potencialidades do deporte como ferramenta de traballo da Educación Social e cómo debe ser o diálogo entre feminismo, deporte e educación social. Para comezar, expúxose unha breve diagnose das desigualdades na dispoñibilidade de tempo libre o cal inflúe directamente no tempo para a práctica deportiva. Así mesmo, valéndonos do “Estudo sobre actitudes e prácticas deportivas das mulleres españolas (1990-2005)” realizado polo Instituto de Muller, afonda máis nas cuestións referidas ás actividades físicas e deportivas practicadas por mulleres, tal como as prácticas deportivas maioritarias entre as mulleres, os motivos para a non realización de actividades físico –deportivas, o lugar de realización de actividades e as diferenzas entre nenos e nenas na realización de exercicio fóra da escola. Seguidamente, presentáronse unha serie de reflexións sobre o deporte e as mulleres tales como a sexualización das deportistas ou o tratamento informativo dos méritos deportivos das mesmas. E, para finalizar, propuxéronse unha serie de pautas que aproximen o deporte e á educación social a prol do empoderamento das mulleres.

Para finalizar a tarde, visionamos dúas pílulas – Terra e o Futuro – do documental “Contra os elementos”, producido por Esterobite e promovido pola Deputación da Coruña, e reflexionamos sobre o mesmo contando coa atleta Paula Mayobre e a profesora María José Mosquera González. O documental completo pode verse en http://www.contraoselementos.gal/.

A segunda xornada comezou coa ponencia da xornalista Noela Rey Méndez quen afondou sobre as diferenzas no tratamento xornalístico entre deportistas homes e mulleres, reparando especialmente no que acontece na prensa escrita; así como no xeito de narrar o feito deportivo en función de se é mérito dunha muller ou dun home. Para finalizar, ofrecéronse unha serie de chaves para reverter a situación de sexismo no xornalismo, as cales deberían ser asimiladas por xornalistas, deportistas e cargos de dirección tanto nos xornais como nas Federacións e clubes.

Para continuar coa mañá, presentáronse tres experiencias de boas prácticas nas que contamos con Manuela Vázquez para presentar a experiencia da Bugalliña, un xogo tradicional propio da provincia de Ourense, practicado só por mulleres e que, de non perpetuarse, corre o risco de perderse. As seguintes experiencias amosan dúas visións distintas de rachar con estereotipos de xénero dende o deporte: por unha banda, as “Brigantias roller derby”  (https://www.facebook.com/As.Brigantias.Roller.Derby/) que falaron sobre o roller derby, un deporte “sen pelotas por e para mulleres”. Por outra banda, presentouse a Liga Gallaecia (http://www.ligagallaecia.org/a-liga-gallaecia/) conformada por equipas de fútbol gaélico que apostan por practicalo de xeito mixto, posto que o fútbol gaélico, na súa modalidade para mulleres (ladies gaellic football) ten grandes diferenzas nas normas con respecto ao fútbol gaélico baseándose nunha suposta menor coordinación, destreza e forza das mulleres.

E despois dunha intensa mañá de falar e debater, non atopamos mellor forma de rematar as xornadas que desentumecer un pouco o corpo xogando na compaña de Xotramu (Xogos Tradicionais de Muimenta) que trouxeron diversos xogos tradicionais e do mundo.