EDUCAR EN/POLA/PARA A IGUALDADE

Educar en Igualdade

Coñecela, Aprendela, Interiorizala, Exercela e Practicala.

Fai unhas semanas, a poucos días do comezo do novo curso escolar, levantabámonos coa nova de que “A Xunta presenta un Plan para detectar de forma precoz a violencia machista e fomentar a coeducación no aula” (La Voz de Galicia, 8/9/2016). Este Plan contempla, 28 obxectivos e outras tantas medidas, entre elas, a medida 18 (M.18), a nova materia de libre configuración, Igualdade de xénero, que se impartirá este curso escolar en 1º e 2º da E.S.O., en 24 centros galegos e se pretende incluír en bacharelato en vindeiros cursos.

Outra das medidas, totalmente vinculada coa nosa profesión, a Educación Social, é a número 23 (M.23), “Elaborar un programa educativo con perspectiva de xénero que favoreza a participación do alumnado en intervencións sociocomunitarias”.coeduc

Partindo do coñecemento da realidade educativa dos centros de educación secundaria obrigatoria (ESO) e bacharelato, e como defensoras dun modelo de escola Coeducativa, nun principio, desde o Colexio profesional de Educadoras e Educadores sociais de Galicia (Ceesg), poderiamos considerar esta nova como un avance importante nun dobre sentido: cara a real incorporación da Educación Social nos centros educativos e cara a aposta por un sistema educativo feminista e diverso.

gafasvioletas4

Pero nada máis lonxe.Comencemos polo principio.

A nosa defensa pola Coeducación, vén avalada por catro importantes ideas, que nos aportan as claves para avanzar cara a un novo sistema educativo en igualdade. Son as seguintes:

1º.- A  Coeducación é un tema de cumprimento dos dereitos humanos.

2º.- A existencia dun marco lexislativo de obrigado cumprimento, que favorece medidas concretas en relación á coeducación.

3º.- A coeducación segue a ser un proxecto e non unha realidade no sistema educativo.

4º.- O papel protagonista da EDUCACIÓN SOCIAL nesta tarefa coeducativa. Ao considerar que a coeducación é unha proposta pedagóxica feminista, dinámica, flexible, inclusiva e integral; que considera a escola como un espazo e un tempo en que aprender a relacionarse en igualdade, sen poñer límites ás aprendizaxes de nenas e nenos. A coeducación ten en conta a diversidade do alumnado e das súas familias. A coeducación ten como finalidade favorecer unha cidadanía libre, corresponsable, democrática e comprometida contra calquera tipo de discriminación. A coeducación é susceptible de ser aplicada na educación regrada e non regrada.

Neste contexto, a realidade educativa amosa que; por un lado, existe un discurso máis igualitario, que xorden experiencias innovadoras e boas prácticas en materia de coeducación, igualdade e diversidade, máis, polo xeral, son actuacións esporádicas e non se aplican de forma integral ou sistemática. Segue a existir unha gran fenda entre as intencións e as accións. E o Plan que nos presenta a Xunta de Galicia, a poucos días de comezar o curso escolar é un exemplo claro disto último.

taozkkh

Segundo as diferentes investigacións nesta materia, dentro dos centros educativos existen numerosas dificultades á hora de traballar desde e para a coeducación. Entre elas cabe salientarmos a idea de que a igualdade xa está suficientemente tratada ou traballada nos centros, os estereotipos e as actitudes que presentan as e os profesionais ante o tema, os recortes nos recursos humanos e materiais; así como a escasa formación recibida nesta materia (xénero, igualdade, feminismos, sexualidades e diversidade sexual, coeducación, prevención da violencia machista, etc).

Por todo o comentado, desde o Ceesg entendemos que a posta en marcha do Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020 ten que recoller e atender aspectos que non se tiveron en conta no seu deseño e redacción, tales como que:

  • É preciso partir dunha diagnose previa onde se analicen as pautas sexistas que se están a desenvolver no centro educativo; polo que, intervir nas escolas dende a perspectiva de xénero supón a análise de diferentes e múltiples cuestións no seu marco, tendo en conta o seu efecto sobre as mulleres e os homes que forman parte desa comunidade educativa. O seu obxectivo principal é coñecer e interpretar as relacións de poder que se establecen.
  • A práctica coeducativa non debe limitarse á intervención puntual dun grupo de mestras ou mestres motivados pola educación en igualdade, compre entendela como unha intervención socioeducativa integral, de reflexión e acción, que implique a toda a comunidade educativa.
  • Con respecto ao espazo e aos tempos, debe superarse o marco da aula e abarcar os distintos niveis do centro, é dicir, intervir a nivel global, entendendo a escola como unidade funcional e organizativa.
  • Prestar atención e coidado á forma de transmitir coñecemento, expresar e/ou comunicar, a través do uso dunha linguaxe inclusiva e non machista.

Por todo isto, solicitamos:images

  • Unha diagnose, en profundidade, desde a perspectiva de xénero do sistema educativo galego.
  • Unha formación en igualdade de calidade destinada a toda a comunidade educativa.
  • A contratación de recursos humanos especializados en materia de igualdade dentro do sistema educativo, incorporando na escola, de forma continua, a figura das e dos educadoras e educadores sociais para levar a cabo este Plan de Igualdade.

A Educación Social debe ter presenza no medio escolar. A mellora da convivencia escolar, a eliminación das desigualdades sociais entre o alumnado, a educación en valores, e o fomento da coeducación son cometidos fundamentais das educadoras e educadores sociais no ámbito da educación regulada.

77013_299031183548549_1607496285_n